Blogia
elianinha

Almorzo

Almorzo Xa se me sacou esa ira e resentimento de onte, deberían receitar unha bitácora como remedio terapéutico, para liberar tensións. Hai veces nas que se cruzan na miña vida cert@s individu@s que logran que me suba a tensión ata límites descoñecidos con calquera frase coherente sintagmaticamente que emane dos seus beizos. Pero afortunadamente tamén conto con colegas moi válidos.
En fin, deixo o tema. Relaxación... Para min, o máis relaxante que hai neste mundo é un paseo pola zona vella de Santiago. Coller, arrincar completamente abrigada e sen paraugas, como non, e andar e andar e andar. Se chove? Perfecto. Malia non ser santiaguesa, síntome moi unida a esta minicidade (por favor que non medre máis). Cando o ceo está gris fusiónase coa pedra e non sabes moi ben onde rematan os edificios e onde comezan as nubes. Escapa para un café, con boas vistas, pégate á fiestra e mira como chove, mira como pasa a xente, mira o fermosa que é a vida cando quere. Non precisas unha visa para ser feliz. O máis fermoso telo diante e de valde.
Encántame que chova, sentir a auga escorregando por min abaixo. Ter o pelo empapado, o corpo calado ata os ósos..., é unha experiencia na que te sentes unida ao que te está a rodear. Síntome viva.
Hoxe non choveu. Só estaba un día escuro. Pero tamén foi unha moi boa experiencia. Por veces, hai persoas ao teu carón que practicamente pasan desapercibidas. Pensas que non te influencian, son seres grises que forman parte do decorado que é o teatro da vida. E entón, un deses seres grises aproxímase, namentres ti estás sumida nunha espiral superficial que te leva sen darte apenas conta. E rematas almorzando con el dúas veces á semana, vendo como aquilo no que non crías, aquilo que negabas e do que negabas, aquilo que te negarías a facer, o estás a facer. E agora cres, manda carallo na Habana...
Cantas veces tes persoas moi especiais ao teu carón e non as coñeces nin fas nada por coñecelas. Cantas veces descobres de que a xente baixo unha imaxe oculta unha persoa incrible. Cantas veces deberiamos probar a coñecer mellor a quen nos rodea.
Agora síntome relaxada, foi un fermoso almorzo. Agárdanme moitos máis, ou iso espero. Ti xa sabes quen es, gracias.
Para compensar a miña perda de fe na humanidade de onte.

0 comentarios