Blogia

elianinha

Chove (ou non)

Expresións deste tipo son moi tópicas en referencia á idiosincrasia galega: non se sabe se soben ou baixan. Sempre cubríndonos as costas. Estou convencida de que ZP ten que ter familia galega, porque non sei se sobe ou baixa, se vai ou se volve.
Cada vez que sae ZP pola tele, leo algo del no xornal ou na rede, escoito na radio ou en definitiva teño novas del, vexo que recúa a pasos axigantados. Recúa, recúa. Normal, nin o seu propio pai cría que fose capaz de sacar máis do 20% dos votos, como ía pensar en gañar as eleccións. E claro, un promete e promete (como me di miña nai "puedo prometer y prometo que una vez que la haya metido me olvidaré de lo prometido", sabia Marisoliña)..., e cando non tes expectativas prometes de todo.
Eu diríalle un "hai que joderse". Agora cumpla. Senón eu cumplirei a miña ameaza: Voulle dar moita brasa.
ZP coma o día: chove ou non

Férias

Férias

Semana Santa. A xente fuxe como formigas dun lado para outro sen moito sentido. Reaxuste de habitantes, intercambio: eu vou para a costa, ti para a cidade e el para a aldea. Fuxín eu tamén desta vez, e fun dar ao paraíso. Preto da Serra do Buçaco, a carón de Coímbra, entre os eucaliptos e os piñeiros, cun río ao fondo, refuxieime do resto do mundo.
Almaça é a aldea onde naceu meu avó, alí voltei á casa na que se criou ata que tivo que emigrar buscando unha vida mellor, lonxe dunha ditadura. Agora volvo eu. Esta freguesía pertence á Cámara Municipal de Mortágua. 95 habitantes. Van a menos. Cando saes á ventá pareces viaxar no tempo, ves unha poboación anclada na tradición, tal vez propia de comezos do século XX, ou mesmo de finais do XIX. E ves como todo funciona á perfección, a organización é exemplar.
Volvo pensando que eu, semiurbanícola, que paso horas e horas entre libros, aulas e xente, teño moito que aprender fóra deles, canta cultura queda fóra da nosa "cultura".
Mentres tanto, fóra do meu cuarto, xa no mundianal Santiago, escoito sete homes discutiren sobre bares. E o planeta a xirar, a xirar...

PD: Saúdos aos colegas que fixen na última peagem de Portugal, que se ían de festa a Tui. Gracias pola caña!!!

Congruencia

Congruentes era un calificativo no que nos facía moito fincapé o profesor de publicidade: "Sede congruentes". E é que non se pode ser do Barça un día e ao seguinte do Madrid, ver hoxe Tómbola e mañá Negro sobre Blanco, ser hoxe do Partido Popular e mañá afiliarte á Unificación Comunista de España. ¿Pensas que non hai casos? Poderías abraiarte.
Resulta que hai un pequeno individuo colega de profesión que cando eu o coñecín defendía a ultranza a política dos populares. Adoitaba discutir comigo sobre política, falándome do rexurdimento económico que viviramos gracias á política do insecto Aznar, como Rato era un gran ministro, e Álvarez Cascos un home intelixente.
Pois hai un mes aproximadamente, a chamada do comunismo chegoulle a este homiño, integrista cristián por outro lado, e afilióuse á UCE e agora anda a defender o ideal comunista ao ancho e longo de todo o perímetro santiagués, con La Verdad en man. Será como cando Deus chama a un paisano que está cunha prostituta e sente a necesidade de entregarse á vida contemplativa. Agora ben, supoño que de aí xurden os curas pederastas. Non quero saber o que darán individuos de ultradereita metidos ao comunismo.
"Por favor, sede congruentes".

Almorzo

Almorzo

Xa se me sacou esa ira e resentimento de onte, deberían receitar unha bitácora como remedio terapéutico, para liberar tensións. Hai veces nas que se cruzan na miña vida cert@s individu@s que logran que me suba a tensión ata límites descoñecidos con calquera frase coherente sintagmaticamente que emane dos seus beizos. Pero afortunadamente tamén conto con colegas moi válidos.
En fin, deixo o tema. Relaxación... Para min, o máis relaxante que hai neste mundo é un paseo pola zona vella de Santiago. Coller, arrincar completamente abrigada e sen paraugas, como non, e andar e andar e andar. Se chove? Perfecto. Malia non ser santiaguesa, síntome moi unida a esta minicidade (por favor que non medre máis). Cando o ceo está gris fusiónase coa pedra e non sabes moi ben onde rematan os edificios e onde comezan as nubes. Escapa para un café, con boas vistas, pégate á fiestra e mira como chove, mira como pasa a xente, mira o fermosa que é a vida cando quere. Non precisas unha visa para ser feliz. O máis fermoso telo diante e de valde.
Encántame que chova, sentir a auga escorregando por min abaixo. Ter o pelo empapado, o corpo calado ata os ósos..., é unha experiencia na que te sentes unida ao que te está a rodear. Síntome viva.
Hoxe non choveu. Só estaba un día escuro. Pero tamén foi unha moi boa experiencia. Por veces, hai persoas ao teu carón que practicamente pasan desapercibidas. Pensas que non te influencian, son seres grises que forman parte do decorado que é o teatro da vida. E entón, un deses seres grises aproxímase, namentres ti estás sumida nunha espiral superficial que te leva sen darte apenas conta. E rematas almorzando con el dúas veces á semana, vendo como aquilo no que non crías, aquilo que negabas e do que negabas, aquilo que te negarías a facer, o estás a facer. E agora cres, manda carallo na Habana...
Cantas veces tes persoas moi especiais ao teu carón e non as coñeces nin fas nada por coñecelas. Cantas veces descobres de que a xente baixo unha imaxe oculta unha persoa incrible. Cantas veces deberiamos probar a coñecer mellor a quen nos rodea.
Agora síntome relaxada, foi un fermoso almorzo. Agárdanme moitos máis, ou iso espero. Ti xa sabes quen es, gracias.
Para compensar a miña perda de fe na humanidade de onte.

Resentida

Ultimamente ando excesivamente liadiña e teño isto abandonado. Supoño que coa nova etapa socialista estarei algo preocupada pola crise na que se vai fundir o país... En fin, que entre unha cousa e outra non tiven tempo nin para comentar os atentados nin as eleccións, e que quedaron perdidos no tempo. Tal vez debese deixarme de parvadas e falar de iogures, moito máis trascendente na vida do ser humano.
Non digo isto por dicir, pero de veces resúltame incomprensible porqué xente é tan allea a todas as cousas que están pasando ao seu redor e pensa egoistamente, sen implicarse na sociedade na que vive. Poñer o cazo, protestar, pedir, iso si que saben. Pero 'a política a min non me interesa' é unha frase que oio con demasiada frecuencia, e deseguido se poñen a falar do terrible que é a situación do Celta como colista na liga. ¡Manda carallo!
E cada día ves como aqueles que abren a boca son os que máis deberían estar calados. Encántame este foro, porque aquel que non desexe escoitarme, non ten ningún problema en coller e pechar a páxina e esquecerse da bazofia que eu poida escribir. Pero cando non queda máis remedio que escoitar, polo menos se solidario e procura non facer dano ás persoas que non poden pecharte. Dígoo por certa xente, e en especial por un curmán meu que por veces gustaríame meterlle un zapato na boca. "Tivemos que apoiar a guerra de Iraq porque non quedaba máis remedio, tiñamos que apoiar a Estados Unidos porque claro, tamén eles nos axudan a nós con ETA (xa se ve), e non iamos ir con Europa. ¿Que temos que ver nós con Europa?". Claro, eu estou na Unión Europea, pero iso non ten ningún tipo de implicación. "¿E o Rovira este? Un terrorista, como Ibarretxe! Ti oes o que di?" Eu si, tal vez es ti quen non o escoita.
Recoñezo que como dixo Einstein, é máis sinxelo desintegrar un átomo do que un prexuízo, e moitas veces adoptamos unha posición de rexeitamento cara a certas persoas, e eu peco diso tamén (véxase nena-reduzto).
Pero o exercicio é escoitar por si mesmos, non pechar os nosos oídos a persoas demonizadas, das que realmente non coñecemos o que din, cal é o pensamento que produciu a súa condea. Non desacreditemos persoas porque alguén nos diga que debemos desacreditalo. Pensemos por nós mesmos. (A nena-reduzto convenceume ela soíña coas súas sabias verbas).
Gustaríame ser quen de elaborar unha conclusión máis concisa, breve e sintética, pero cando se durmen poucas horas carécese de axilidade verbal. Coa vosa licencia...

Nova Blog

Nova Blog

Comezo nova blog, a razón é que blogger non deixa engadir comentarios e blogia si, o que cunde un rato.
Continúo coa temática anterior, sigo sendo a alevina de xornalismo comprometida coas causas perdidas, que vai cunha cunca de viño pedindo cartos pola independenza do país. Hoxe, teño unha empanada mental moi xeitosa, polo que mellor non vou crear un texto demasiado elaborado e pensado e tal e cual, porque para decir unha parida, mellor quedar calada...
Só engado un comentario, que alguén o dixo e estaba moi ben: GALIZA CEIVE, PODER POPULAR!!

PD: Presente para as miñas frikis.